luns, 28 de novembro de 2016

RECOLLIDA DE DATOS

O alumnado de 5º de Primaria estivo a cargo da recollida dos datos meteorolóxicos nestas semanas.

 
















Comprobaron a cantidade de choiva recollida 


 A temperatura mínima e máxima


E para rematar anotaron os datos recollidos,  no taboleiro da entrada do colexio.

domingo, 20 de novembro de 2016

"O TEMPO MADE IN BUEU" UN PROXECTO DE EXCELENCIA

O 17 de novembro varios mestres do CEIP P. A Pedra acudiron a unha xornada de formación en Meteogalicia, Santiago de Compostela.


Este proxecto vai máis alá da introdución de datos na rede de MeteoEscolas, é un proxecto multidisciplinar de meteoroloxía e climatoloxía, no que colaboramos por segundo ano consecutivo, dende todas as áreas do noso centro.


Nesta visita recibimos dous agasallos polo bo traballo feito durante curso 2015/16: 
  • Un diploma á Excelencia, concedido ao noso centro, polas estupendas actividades que levou a cabo o noso alumnado e profesorado
 
  • Un anemómetro  ou anemógrafo que é un aparato que se usa para medir a velocidade do vento e que xa ocupa o seu lugar na nosa caseta meteorolóxica.

Durante este novo curso escolar,  continuaremos traballando co noso alumnado neste proxecto,

luns, 17 de outubro de 2016

A NOSA METEOCAIXA

Este curso decidimos elaborar unha METEOCAIXA para gardar nela todos os documentos que teñan que ver coas METEOESCOLAS. 


No seu interior podemos atopar a guía de traballo para o profesorado de MeteoEscolas e as unidades didácticas proporcionadas dende METEOGALICIA.

Ademais contén  un documento informativo con instruccións a ter en conta á hora de observar o tempo na Garita Meteorolóxica: como tomar as temperaturas máxima e mínima, como baleirar o pluviómetro ou como rexistrar os meteoros.



Este outro documento explícanos como e onde debemos rexistrar os datos observados: as temperaturas, a cantidade de chuvia e os meteoros


 A partires de agora a nosa METEOCAIXA rotará polos distintos cursos para indicar o turno de recollida de datos ao grupo que a reciba.

domingo, 8 de maio de 2016

O TEMPO DE BUEU EN IMAXES

Despois de observar e tomar datos do tempo que fai en Bueu, pensamos que sería fantástico recoller os distintos fenómenos meteorolóxicos que se producen na nosa vila en fotografías.
O noso alumnado e as súas familias foron, coma sempre, moi participativos aportando preciosas imaxes que deixan constancia da marabillosa paisaxe que temos ao noso arredor.



mércores, 27 de abril de 2016

INSTRUMENTOS METEOROLÓXICOS III

Despois de recoller a información sobre os instrumentos meteorolóxicos, o alumnado de sexto puxo a información en común e en equipos de catro,  elaboraton un mural sobre o instrumento meteorolóxico que escolleron. 
Finalmente gravaron toda a información nuns videos e este é o resultado:


 



luns, 25 de abril de 2016

SENTENZAS DO TEMPO EN BUEU

Os nenos e  nenas de cuarto investigaron as peculiaridades do tempo atmosférico en Bueu e a súa comarca,  velaquí algúns ditos e sentenzas que recolleron relacionadas co tema:

SEMBLANTE DE CABALO, VENTO SUR DECLARADO.

NÉBOAS NA ARMENTEIRA, CHUVIA NA RIBEIRA. 
(Se non se ve o outro lado da ría, vai vir chuvia seguro) 

CANDO BERRA AGRELO CUBRE O CAPELO
(Vai vir chuvia).

BERRA LAPAMÁN, TEMPO NA MAN, COLLE A LEÁ E COCE O PAN
(Nortada)

VENTOS DAS ILLAS DE ONS, MALOS SON.

SE RONCA A AREA DE BON, CAMBIOS DE TEMPO SON.

BATE NO CABALO, MALO, MALO.

CEO PEDRENTO, OU CHUVIA OU VENTO.

NORTE E LÚA CLARA, MARIÑEIRO DÉITATE NA CAMA.

NORTE ESCURA, VENDAVAL SEGURO.

VENTO DE TRAVESÍA, CARALLADA TODO O DÍA. 

VENTO DO MAR E CHUVIA DA RÍA, FANDANGO TODO O DÍA.



O VENTO EN BUEU

O alumnado de cuarto pescudou entre as súas familias (avós, pais e nais...), veciños/as e sobre todo xente mariñeira do pobo, o nome dos diferentes e numerosos tipos de ventos que hai en Bueu e os seus significados. 


Recolleron toda esta información nun traballo que xa se atopa no mural das METEOESCOLAS.

EN BUEU CHAMÁMOSLLE ASÍ AOS VENTOS: 

LEVECHE: Vento de dirección sureste, É un vento quente acompañado de area e que adoita vir con treboada.   

NORDÉS, VENTO DE PONTEVEDRA, VENTO DE MARÍN, VENTO DA RÍA: Vento de dirección noreste, No inverno trae aire frío moi molesto, e no verán aire quente. Son características deste vento as "Ovelliñas no mar" (mar picado con escuma branca) 

REGAÑON, CASCARRÓN, GARRUADA, VENTO DE FÓRA, VENTO DE CABALO, VENTO MAREIRO: Vento de dirección noroeste. Trae intervalos de sol, con outros de vento moi frío e chuvascos moi fortes, incluso sarabia. Sae, a cotío, o arco da vella e as "ovelliñas ao mar"

NORDESÍA, NORTADA: Vento do norte, moi forte e desagradable que soe durar moitos días. Tamén aparecen as "ovelliñas no mar".
 

REVELESTE, VENTO DE TERRA, VENTO TERRAL, VENTO DE CELA: Vento de dirección leste que sopra da terra cara o mar.


VENTO DO LIBUREIRO, VENTO DA PORTELA: Vento do sur. É cálido e adoita vir con chuvias.

LAVACHOTE, ARREGO, VENTO DE ONZA: Vento de dirección suroeste. É frío e húmido, Case sempre trae chevascos tormentosos e temporal.

VENTO LAVADO: Vento moi frío e húmido.

VENTO GAIVOLEIRO: Vento do xur. Cando sopra as gaivotas andan moi alborotadas.


 



domingo, 24 de abril de 2016

O TEMPO IN ENGLISH

O alumnado de 4º, 5º e 6º está participando nunha actividade cooperativa relacionada co tempo meteorolóxico dentro da materia de inglés.


Como centro plurilingüe e coa axuda da nosa auxiliar pretendemos facer un pequeno estudo sobre o tempo en Bueu (a nosa vila) e Rockford, Illinois (a cidade da que procede Alma).



Para tal fin, establecemos unhas quendas de recollida de datos meteorolóxicos (weather forecast) con carácter diario.


Deseñamos unhas fichas que os rapaces/as dos distintos grupos cobren cada día na clase coa axuda das mestras de inglés e a auxiliar.


Empregando as novas tecnoloxías, visitamos a páxina: weather.com para recabar dende ela todos xuntos a información.


Aprendemos moito vocabulario novo: sunrise time (amencer), sunset time (solpor), wind speed (velocidade do vento), degrees (grados), the four cardinal points (os catro puntos cardinais), 


Soubemos que noutros paises como USA empregan medidas diferentes as nosas. Miden a temperatura en grados farenheit (degrees farenheit) polo que tivemos que aprender a transformalos en grados celsius (degrees celsius) cun conversor.



Tamén miden a velocidade do vento en millas: miles per hour,(m.p.h.) mentras que nos empregamos os km por hora.




domingo, 17 de abril de 2016

RECOLLIDA DE DATOS III

O alumnado de 4º tamén visita, nestes días, a nosa GARITA METEOROLÓXICA para recabar os datos  de temperatura (máxima e mínima) e pluviosidade. 



A continuación, anotan estes datos observados na ficha de datos meteorolóxicos correspondente.



Por último actualizan os datos da taboleiro cos datos recollidos.


mércores, 6 de abril de 2016

INSTRUMENTOS METEOROLÓXICOS II

O alumnado de sexto continúa na procura de información sobre a relación das variables meteorolóxicas e os seus instrumentos de medición.


 Cando o traballo esté rematado, presentarano aos seus compañeiros/as por equipos e expoñerano na sala polivalente.



ENTRE NUBES

O alumnado de 3º estivo traballando sobre as nubes.  Buscaron información sobre estas masas suspendidas na atmósfera e estudaron a súa clasificación e tipos. Chamáronlles especialmente a atención as nubes lenticulares que teñen forma de ovni.


Entraron na páxina da AEMET para realizar varias actividades e aprender máis sobre este tema.



Clasificaron as nubes en altas, medias e baixas e en pequenos grupos foron describindo os distintos tipos de nubes e seleccionando imaxes para cada un deles.


Para rematar elaboraron un mural reflectindo todos os coñecementos aprendidos que xa se atopa no recuncho de exposicións de traballos "METEOESCOLAS"


mércores, 30 de marzo de 2016

INSTRUMENTOS METEOROLÓXICOS I

Os nenos e nenas de sexto cos ordenadores abalar buscan información sobre os instrumentos meteorolóxicos  e a súa utilidade.


Recollen a información da páxina da AEMET e elaborarn un texto con ela explicando que son e para que serve cada instrumento


Tamén realizan exercicios na mesma páxina para comprobar se entenderon o seu contido.


Cando o traballo estea rematado expoñerano na clase e responderán ás dúbidas dos seus compañeiros/as.


domingo, 13 de marzo de 2016

O CICLO DA AUGA

Os rapaces e rapazas de primeiro traballaron O CICLO DA AUGA na clase. Con este video do CEP Pedro Caselles Beltrán, repasaron moi ben o proceso aprendido. 


A continuación deseñaron os seus debuxos representando o ciclo da auga que espuxeron nun mural no corredor: