A tromba de choiva que se rexistrou na comarca do Morrazo entre as 22.30 e as 23.00 horas de onte desbordou o río Bispo ao seu paso polo centro de Bueu. A subida do nivel da auga asolagou a rúa Pazos Fontenla, entre o lavadoiro situado á beira do colexio Virxe Milagrosa e a intersección coa rúa Alexandre Bóveda, así como Rosalía de Castro. Esta zona quedou completamente asolagada, coa auga por riba da beirarrúa e ameazando con entrar en vivendas e baixos. A situación puido ser controlada pouco despois coa intervención dos propios veciños, Bombeiros do Morrazo e persoal municipal, que empezaron a abrir os sumidoiros para axudar a evacuar a gran cantidade de auga que baixaba pola canle do río e que tamén inundaba o aparcadoiro dun supermercado situado na mesma rúa.