domingo, 17 de xuño de 2018

O ARCO DA VELLA

O alumnado de 2º de primaria estivo investigando de onde ven o nome do ARCO DA VELLA.


Como resultado das súas pequisas descubriron que ten:
ORIXE DIVINO:  "arco da lei vella" que era a lei divina pola que Deus creou este arco no ceo como compromiso de que nunca máis volvería destruír a terra como sucedera co diluvio universal.
ORIXE POPULAR: os celtas pensaban que o ceo era de bóveda e que existía unha vella que tiá que reparala por iso cando aparecçía o arco no ceo os nenos/as das aldeas deixaban pedriñas no chan por si a vella sa necesitaba.

mércores, 13 de xuño de 2018

WEATHER- O TEMPO NA CLASE DE INGLÉS

Ao longo do curso durante as clases de inglés todos os niveis marcan entre as súas rutinas traballar o tempo atmosférico. 

Ao comezo de cada sesión, por quendas, os alumnos/as din e escriben na pizarra a data e o tempo que vai ese día.


POR QUE VAI MÁIS CALOR NO VERÁN SE A TERRA ESTÁ MÁIS LONXE DO SOL?

Aínda que nun principio poida sonar contraditorio, a Terra atópase máis lonxe do Sol no verán que no inverno. Falamos, iso si, do verán e do inverno no hemisferio norte. Agora ben, como é posible isto se o Sol é a gran fonte de calor do planeta azul?.
Para responder a esa pregunta, os nenos e nenas de 5º de primaria, levamos a cabo, ao longo deste curso escolar, un novo traballo para o proxecto das METEOESCOLAS. Puxémoslle por título: A influencia dos raios solares na Terra
Para poder saber como inciden os raios do Sol no noso planeta, medimos todos os martes do curso escolar que nos foi posible, ás 12,30 da mañá, a sombra que producía un dos paus da portería de balonmán que temos no patio do recreo do colexio e anotamos os datos nunha táboa. Comezamos a tomar nota destas medicións o 19 de setembro. Estas son as medidas que obtivemos e a gráfica que realizamos con elas para observalas mellor:


No mes de maio, xa con moitos datos das sombras acumulados, buscamos información que tiña que ver co que queriamos investigar:
1.-Órbita da Terra arredor do Sol. Observamos que é unha órbita elíptica, e destacamos o perihelio (menor distancia do Sol, ocorre nos primeiros días do mes de xaneiro, inverno no hemisferio norte ) e o afelio (maior distancia do Sol, coincide cos primeiros días do mes de xullo, verán no hemisferio norte) . Pero, como explicamos que cando o Sol está máis lonxe da Terra e precisamente no verán cando máis calor recibe?
2.- Movemento de rotación da Terra e o seu eixe de rotación inclinado 23,5º.
3.- Solsticios: momento no que os raios do Sol inciden perpendicularmente ou no Trópico de Cáncer ( coincide co verán no hemisferio norte) ou no Trópico de Capricornio (coincide co inverno no hemisferio norte). Isto fai que se produza a noite máis longa e o día máis curto (solsticio de inverno) ou o día máis longo e a noite máis curta (solsticio de verán)
4.- Equinoccios, momento no que os raios solares inciden perpendicularmente sobre o ecuador terrestre. Neste momento o día e a noite teñen a mesma duración.   

Con toda esta información, repartimos por equipos o traballo para realizar un mural no taboleiro da clase e así poder observar todos os datos con maior claridade. A un lado , colocamos unha lenda coa información relativa a cada un dos elementos estudados; mentres que no centro, debuxamos a órbita elíptica que realiza a Terra cando xira arredor do Sol; colocamos o perihelio, distancia máis curta entre o noso planeta e a nosa estrela; e o afelio, distancia máis longa entre a Terra e o Sol. Ademais, engadimos letreiros cos meses do ano repartidos ao longo  da órbita elíptica e, ao seu carón, as datas de de observación da sombra e a súa medida. Tamén situamos as estacións do ano e démonos conta de que  non se producen de forma simultánea en todos os lugares do planeta.
A continuación, cos datos das sombras elaboramos un diagrama de barras, no que sinalamos:
- As estacións do ano.
- os equinoccios de primavera e outono
- O solsticio de inverno
Analizamos a gráfica con atención e observamos que:
- Dende a primeira medida, o 19 de setembro, a sombra foi medrando ata chegar a data máis próxima ao solsticio de inverno ,19 de decembro. A partir dese punto, a sombra empezou a minguar .
- As datas máis próximas aos equinoccios, 19 de setembro e 20 de marzo, presentan unha sombra de dimensións moi similares.
- A partir de aquí tratamos de saber cal sería o momento do ano no que a sombra ía ser máis curta. Despois de examinar os datos con atención, cremos que vai ser no solsticio de verán; momento a partir do cal, a sombra comezará a medrar ata chegar ao solsticio de inverno e repetirá outra vez o mesmo camiño.
- O eixe de rotación da Terra está inclinado entre 22 e 24 graos dando lugar ás estacións e por iso o Sol non quenta por igual todos os lugares da Terra. Isto dá lugar ás distintas zonas climáticas da Terra: cálida, temperada e fría.
Na Terra notamos máis calor cando os raios do Sol caen de forma perpendicular; razón pola cal, a sombra proxectada é máis pequena. Este feito no hemisferio norte coincide co verán, aínda que neste período a Terra se atopa máis lonxe do Sol que no inverno.
Para concluír o traballos os nenos e nenas realizaron un traballo ordenando toda a información e presentárono ao resto dos seus compañeiros.



domingo, 10 de xuño de 2018

REXISTROS AULA 2º

Nalgunhas aulas tamén se levan a cabo rexistros e anotacións sobre o tempo atmosférico como queda recollido neste traballo.

Os rapaces/as aprenden non só a fixarse na temperatura, na cantidade de chuvia, nos cambios que se producen na lúa senón que tamén coñecen o nome dos aparellos que se empregan para medir estes fenómenos: pluviometro, barómetro...

RECOLLIDA DE DATOS

Ao comezo de curso establécense quendas de aproximadamente 15 días cada unha para que os distintos niveis e grupos poidan recoller os datos meteorolóxicos na nosa garita.

A temperatura mínima e máxima, a pluviosidade e a velocidade do vento queda rexistrada no taboleiro que se atopa na entrada do colexio.

Eses datos anótanse despois na páxina de Meteogalicia para que quede constancia gráfica deles.

xoves, 7 de xuño de 2018

A CLASE DE 1º E O CLIMA

Os rapaces e rapazas de 1º de primaria fixeron ao longo do curso varias actividades relacionadas coa METEOROLOXÍA:
Rexistraron os datos meteorolóxicos que tomaron da garita durante a súa quenda: temperatura, pluviosidade, velocidade do vento...



Aprenderon refráns relacionados con aspectos climáticos.




Fixeron traballos sobre o ciclo da auga, as estacións do ano ou as fases da lúa. 




Leron distintos textos, algúns de poesía e outros narrativos que tiñan como temática o tempo: O porco e as bolboretas, A dona das augas, A andoriña despistada, A primeira chuvia...

Tamén coñeceron varios cadros relacionados con diferentes épocas do ano.
Cadro das estacións

Cadro do inverno
 

martes, 5 de xuño de 2018

DIFERENTES TIPOS DE PAISAXE SEGUNDO O CLIMA

No mundo distinguimos tres tipos de clima, que orixinan diferentes paisaxes: os climas cálidos, temperados e fríos.
 
O alumnado de sexto investigou sobre as distintas paisaxes que podemos atopar. 



O proceso de investigación foi o seguinte:
1.    Formáronse equipos para a elaboración do traballo.

 
2.    A mestra repartiu diferentes imaxes nas que viñan representadas diferentes paisaxes.
 
3.    Os equipos debían investigar, en primeiro lugar, se se trataba dunha paisaxe de clima frío, cálido ou temperado.
 
4.    A continuación, tiñan que adiviñar como se chamaba a paisaxe da imaxe e posteriormente facer unha busca de información.
 
5.    Despois, seleccionaron a información máis relevante e así redactaron as características da paisaxe, así como a fauna e flora máis significativa do lugar.
 
6.    Por último, plasmaron toda a información nunha cartolina e expuxeron aos seus compañeiros/as.