luns, 25 de abril de 2016

O VENTO EN BUEU

O alumnado de cuarto pescudou entre as súas familias (avós, pais e nais...), veciños/as e sobre todo xente mariñeira do pobo, o nome dos diferentes e numerosos tipos de ventos que hai en Bueu e os seus significados. 


Recolleron toda esta información nun traballo que xa se atopa no mural das METEOESCOLAS.

EN BUEU CHAMÁMOSLLE ASÍ AOS VENTOS: 

LEVECHE: Vento de dirección sureste, É un vento quente acompañado de area e que adoita vir con treboada.   

NORDÉS, VENTO DE PONTEVEDRA, VENTO DE MARÍN, VENTO DA RÍA: Vento de dirección noreste, No inverno trae aire frío moi molesto, e no verán aire quente. Son características deste vento as "Ovelliñas no mar" (mar picado con escuma branca) 

REGAÑON, CASCARRÓN, GARRUADA, VENTO DE FÓRA, VENTO DE CABALO, VENTO MAREIRO: Vento de dirección noroeste. Trae intervalos de sol, con outros de vento moi frío e chuvascos moi fortes, incluso sarabia. Sae, a cotío, o arco da vella e as "ovelliñas ao mar"

NORDESÍA, NORTADA: Vento do norte, moi forte e desagradable que soe durar moitos días. Tamén aparecen as "ovelliñas no mar".
 

REVELESTE, VENTO DE TERRA, VENTO TERRAL, VENTO DE CELA: Vento de dirección leste que sopra da terra cara o mar.


VENTO DO LIBUREIRO, VENTO DA PORTELA: Vento do sur. É cálido e adoita vir con chuvias.

LAVACHOTE, ARREGO, VENTO DE ONZA: Vento de dirección suroeste. É frío e húmido, Case sempre trae chevascos tormentosos e temporal.

VENTO LAVADO: Vento moi frío e húmido.

VENTO GAIVOLEIRO: Vento do xur. Cando sopra as gaivotas andan moi alborotadas.


 



Ningún comentario:

Publicar un comentario