mércores, 13 de xuño de 2018

POR QUE VAI MÁIS CALOR NO VERÁN SE A TERRA ESTÁ MÁIS LONXE DO SOL?

Aínda que nun principio poida sonar contraditorio, a Terra atópase máis lonxe do Sol no verán que no inverno. Falamos, iso si, do verán e do inverno no hemisferio norte. Agora ben, como é posible isto se o Sol é a gran fonte de calor do planeta azul?.
Para responder a esa pregunta, os nenos e nenas de 5º de primaria, levamos a cabo, ao longo deste curso escolar, un novo traballo para o proxecto das METEOESCOLAS. Puxémoslle por título: A influencia dos raios solares na Terra
Para poder saber como inciden os raios do Sol no noso planeta, medimos todos os martes do curso escolar que nos foi posible, ás 12,30 da mañá, a sombra que producía un dos paus da portería de balonmán que temos no patio do recreo do colexio e anotamos os datos nunha táboa. Comezamos a tomar nota destas medicións o 19 de setembro. Estas son as medidas que obtivemos e a gráfica que realizamos con elas para observalas mellor:


No mes de maio, xa con moitos datos das sombras acumulados, buscamos información que tiña que ver co que queriamos investigar:
1.-Órbita da Terra arredor do Sol. Observamos que é unha órbita elíptica, e destacamos o perihelio (menor distancia do Sol, ocorre nos primeiros días do mes de xaneiro, inverno no hemisferio norte ) e o afelio (maior distancia do Sol, coincide cos primeiros días do mes de xullo, verán no hemisferio norte) . Pero, como explicamos que cando o Sol está máis lonxe da Terra e precisamente no verán cando máis calor recibe?
2.- Movemento de rotación da Terra e o seu eixe de rotación inclinado 23,5º.
3.- Solsticios: momento no que os raios do Sol inciden perpendicularmente ou no Trópico de Cáncer ( coincide co verán no hemisferio norte) ou no Trópico de Capricornio (coincide co inverno no hemisferio norte). Isto fai que se produza a noite máis longa e o día máis curto (solsticio de inverno) ou o día máis longo e a noite máis curta (solsticio de verán)
4.- Equinoccios, momento no que os raios solares inciden perpendicularmente sobre o ecuador terrestre. Neste momento o día e a noite teñen a mesma duración.   

Con toda esta información, repartimos por equipos o traballo para realizar un mural no taboleiro da clase e así poder observar todos os datos con maior claridade. A un lado , colocamos unha lenda coa información relativa a cada un dos elementos estudados; mentres que no centro, debuxamos a órbita elíptica que realiza a Terra cando xira arredor do Sol; colocamos o perihelio, distancia máis curta entre o noso planeta e a nosa estrela; e o afelio, distancia máis longa entre a Terra e o Sol. Ademais, engadimos letreiros cos meses do ano repartidos ao longo  da órbita elíptica e, ao seu carón, as datas de de observación da sombra e a súa medida. Tamén situamos as estacións do ano e démonos conta de que  non se producen de forma simultánea en todos os lugares do planeta.
A continuación, cos datos das sombras elaboramos un diagrama de barras, no que sinalamos:
- As estacións do ano.
- os equinoccios de primavera e outono
- O solsticio de inverno
Analizamos a gráfica con atención e observamos que:
- Dende a primeira medida, o 19 de setembro, a sombra foi medrando ata chegar a data máis próxima ao solsticio de inverno ,19 de decembro. A partir dese punto, a sombra empezou a minguar .
- As datas máis próximas aos equinoccios, 19 de setembro e 20 de marzo, presentan unha sombra de dimensións moi similares.
- A partir de aquí tratamos de saber cal sería o momento do ano no que a sombra ía ser máis curta. Despois de examinar os datos con atención, cremos que vai ser no solsticio de verán; momento a partir do cal, a sombra comezará a medrar ata chegar ao solsticio de inverno e repetirá outra vez o mesmo camiño.
- O eixe de rotación da Terra está inclinado entre 22 e 24 graos dando lugar ás estacións e por iso o Sol non quenta por igual todos os lugares da Terra. Isto dá lugar ás distintas zonas climáticas da Terra: cálida, temperada e fría.
Na Terra notamos máis calor cando os raios do Sol caen de forma perpendicular; razón pola cal, a sombra proxectada é máis pequena. Este feito no hemisferio norte coincide co verán, aínda que neste período a Terra se atopa máis lonxe do Sol que no inverno.
Para concluír o traballos os nenos e nenas realizaron un traballo ordenando toda a información e presentárono ao resto dos seus compañeiros.



Ningún comentario:

Publicar un comentario